Thursday 19 de September de 2024

Laxe destina 137.685 euros da 2ª fase do POS + Adicional á renovación da rúa Besugueira


• O pleno aprobou hoxe os investimentos derivados desta liña de financiamento, da que tamén se derivarán 91.380,72 euros para gasto corrente

• Durante a sesión fixáronse os festivos locais para o ano 2025: o 9 de xuño, Día do Peñón, e o 21 de xullo, Santa Cruz da Rosa

O Concello de Laxe aprobou na sesión plenaria extraordinaria celebrada hoxe, 28 de agosto, destinar os 229.066,51 euros da segunda fase do POS + Adicional 2/2024 a gasto corrente e á renovación da rúa Besugueira.

Cos votos a favor de PP, BNG e PSOE e a abstención de Unidas Podemos, determinouse derivar 91.380,72 euros para gasto corrente e os 137.685,79 restantes á renovación do firme dunha parte da rúa Besugueira, unha actuación coa que se pretende facilitar a circulación de vehículos e peóns nesta vía, así como incrementar a seguridade na mesma.

O alcalde, Francisco Charlín, manifestou que se trata dunha actuación “moi demandada e que mellorará a accesibilidade e a circulación neste vial, incrementando a seguridade na zona, tanto para o tráfico rodado como para os peóns”. Ao non ser suficiente a partida orzamentaria para actuar na totalidade da estrada, preténdese “adiantar agora os traballos nunha metade, quedando pendente unha segunda parte da actuación para futuras inversións”.

Festivos locais para 2025

O pleno deu luz verde, por unanimidade, aos festivos locais para o ano 2025. Establecéronse o 9 de xuño, Día do Peñón, e o 21 de xullo, festividade de Santa Cruz da Rosa.